Monday 29 de April de 2024

TEGA e PSOE aproban unha modificación de crédito para investir máis dun millón de euros na cidade


O Concello acolleu esta mañá o pleno ordinario do mes de xuño, no que Terra Galega e PSOE aprobaron unha modificación de crédito que permitirá investir 1.046.227 euros na cidade. O voceiro de TEGA e concelleiro de Facenda, Román Romero, destacou que do total da partida, algo máis de 725.000 euros destinaranse á reparación de viais tanto na zona urbana como na rural do municipio.

A reparación e conservación de vías públicas destínanse 90.000 euros, e a maiores resérvanse partidas para a reparación de pavimento e reforzo de rodadura en camiños do Val e San Mateo; reparación asfáltica nos camiños de Liñares, Igrexa Vella, Revolta, Polaimo, Costeira, Pereiro, Villallonte e outros da zona; o reforzo da rodadura nos de Santá, Costa, Gradaílle e O Pozo, e tamén nas rúas Fonte de Neixa, María Pita, Valle Inclán, Río Eume, Souto e Castro, a repavimentación na travesía de Borrallada e Faxín e o afirmado de camiños en Berruga e Prados. Ademais contémplanse entre as actuacións previstas a repavimentación da pista polideportiva de San Mateo e do entorno do muíño de Xuvia.

Así mesmo, con cargo ao modificado de crédito procederase a destinar uns 60.000 euros a pintar o exterior da escola unitaria da Faísca, o interior da do Feal, a mobiliario para as aulas anexas do colexio de Piñeiros e a adaptación e mellora da cociña da Escola Infantil Municipal da Solaina.
Entre os investimentos tamén figuran, entre outros, a construción dun apiario en Sedes e a construción de bases de contedores de Residuos Sólidos Urbáns na zona rural, así como partidas específicas para aportacións municipais a actuacións do plan Edusi, cofinanciado con Fondos Europeos.

Na sesión plenaria aprobouse inicialmente por unanimidade o borrador do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) proposto polo equipo redactor e cun informe sobre o primeiro proceso de participación cidadá. O borrador, tal e como indicou o edil de Urbanismo, Manuel Ramos, someterase a exposición, información pública e audiencia dos interesados durante trinta días antes de proceder a resolver as posibles alegacións para elaborar o documento final. O borrador publicarase na web municipal: www.naronparticipa.es.